A señora Mauer, relato en Palavra Comum

Teño a sorte e a honra de colaborar na preciosa revista virtual de artes e letras Palavra Comum cun relato, A señora Mauer. Se vos pasades por aí poderedes lelo, e cousas ben interesantes de outros relatistas, poetas, artistas plásticos, fotógrafos…

casa sra mauer

Toda historia ten unha historia, e a min esta apetéceme contala. Non do relato, senón do personaxe protagonista, a señora Mauer. Aparecéuseme hai uns cinco ou seis anos e quedei prendado dela. O peor é que non tiña unha historia á súa altura. Así que a cousa quedou aprazada sine die, pero non esquecida. E reviviu agora.

Tamén tiña claro o escenario. Como poderá deducirse doadamente, a cidade alemana é (non é, porque é un relato de ficción, pero si é, xa me entendedes) a mesma que onde vivo, Regensburg, Ratisbona. Os cemiterios da cidade son tal e como os describo, o protestante-evanxélico e o católico (a relixión maioritaria en Baviera e na cidade) a carón un ó outro, ó norte e ó sur respectivamente, separados por unha rúa, a Bischof-Konrad-Strasse.

IMG_2447 redux

Esta rúa é ben bonita, nace na Vella Maltería (Alte Mälzerei), delimita os cemiterios das dúas relixións e segue cara o leste franqueada por unhas bonitas casas de cores. Aí vive a señora Mauer, non podía ser noutro sitio. Bauticeina co nome de outra rúa, a Rúa da Paz, a Friedenstrasse, paralela a esta e que delimita o cemiterio evanxélico por abaixo. Unha rúa de fermoso nome, pero de feitura máis fea. No relato cambiena de paralela a perpendicular e renomeeina a Geierstrasse, a Rúa dos Corvos. Nomes máis raros hai no rueiro de Regensburg.

E o resto, prefiro non contalo. Toda historia ten os seus personaxes e a súa localización, sexa máis concreta ou imaxinaria. Pero tamén ten o seu tempo, para ser escrita e lida, e este pode ser longo, pero non pode anticiparse.

Agardo que vos guste. Xa me diredes.