Historia dunha historia


Tentou abstraerse dos bruídos cotiáns do autobús, do cheiro a abrigo chovido e sono madrugador para tentar concentrarse na lectura do libro, edición de peto, segunda man, autor descoñecido con lentes atusándose a barba na foto da lapela de cartón basto. Foi collendo a historia un pouco ó voo entre bocexo e bocexo, freazo a freazo, personaxe atormentado polo tedio e un pasado que polo de agora só se intuía, xa se iría vendo. Renglón a renglón o conto foi pasando da terceira persoa á primeira, e apertado contra a xanela por mor da señora que se lle acababa de sentar a carón, bastante obesa, foi asistindo entre arrepiado e divertido ós burdos saltos ó pasado e ó futuro co que o obsequiaba o escritor barbouzán, para logo mergullarse nun soño do protagonista que parecía non levar a ningures. Morto de sono e aberceado por aquel disparate argumental, atopouse esmagado por aquela gorda, por un desprendemento de terra que o sorprendeu na subida ós nevados cumios, polos cadáveres dos seus cabaleiros fieis no Xapón feudal, por unha prostituta obesa e sifilítica no Montmartre dos anos vinte, terceira persoa, primeira, terceira, el fixo, ti esquivaches, eu berrei, primeira marcha do bus para subi-la encosta, segunda, primeira persoa outra vez, ceibou un brazo da presión exercida pola súa compañeira de asento para blande-lo sable por defender Granada dos infieis, para mata-la fatal loira do vestido de raso vermello. Subiulle a febre, a malaria maldita que xa matara ó seu precedesor nas anteriores expedicións, a depresión do oficinista noruegués de impulsos pederastas, o corpo espido da última feiticeira maya da que intuía a faciana nas pingas do orballo no cristal da xanela do vehículo. Xa só quedaban unha ou dúas paradas e seis ou sete páxinas, aquel sensentido se achegaba á fin, o protagonista saíra da súa vida normal para afronta-lo seu pasado, ou o seu futuro, non estaba claro, as fantasías do escritor, do protagonista e do mesmo lector se entremisturaban, nunca lera estrume tan delirante, estructura narrativa tan idiota, comezo tedioso, continuación onírica, inacción total, personaxes fundamentais toscamente traballados e outros perfectamente perfilados e ó final accesorios na trama, marasmo no medio da narración, descripcións minuciosas pero pouco claras, accións secundarias non resoltas, anacronismos, contradiccións, humor de sal grosa e patetismo oligofrénico, e agora desenlace apresurado, como se o autor quixese rematar unha historia que nunca soubo ben por que escribía. Antes da última parada o lector riu, agora quere rematar a fume de carozo, seguro que mata ó protagonista, é a saída máis socorrida, así que cando o autocar derrapou e caeu polo borde da ponte non puido evitar unha gargallada, como se pode escribir tan mal, carallo, logo o impacto, logo o negro túnel coa luz ó final, era tópico ata niso, e xusto cando acadou a última páxina salvadora aquela adusta comadrona termou del polos nocellos e deulle unha labazada no cú, e veña a chorar, a chorar desconcertado, namentres vía invertido o tocólogo das lentes quitándose a mascariña, satisfeito, mentres se atusaba a barba con ese sorriso irónico e ese encoller de ombreiros, e eu chorando, chorando boca abaixo cuberto deste líquido noxento.