Violín Queimado en Microqontos

francastiñeira1

Xa vos falara da iniciativa de Proxecto Q, o I Certame de Microqontos. No blog destinado ó efecto podedes ir lendo os Microqontos participantes segundo vaian saíndo, de momento tres. O de hoxe é Violín Queimado, deste servidor que vos escribe. Se cadra máis adiante sairá tamén en Ningures.

As opinións e comentarios, no blog de acolá, neste de aquí ou en privado coa vosa almofada. Agardo que vos guste o contiño.

De chemineas, azucre e fume

A industria deixa paso á especulación. Os obreiros explotados deixan paso ós hipotecados consumistas. Ocórrenseme máis tópicos rancios, mais deixémolo estar.

A fábrica de azucre de Regensburg, a Zuckerfabrik, está sendo desgonzada. A cidade medrou ata arrodear a factoría, e eses terreos son agora cobizados. Así que a fábrica cesou a súa actividade para que constrúan no seu lugar vivendas, unha zona verde, un paseo e non sei que lerias.

Hoxe foi explosionada a cheminea principal, e aló xuntáronse moitos curiosos, moitos deles cámara en man. Un deles, coa súa cámara, a súa precaria habelencia, sen teleobxectivo e cunha trepia inestable, tirou unha secuencia de fotos do evento, e non avergoñado con isto, montouno en vídeo e pendurouno do seu blog. Sede benévolos.

Houbo algo de poético explosión e na caída, na paisaxe de ferralla que a circundaba e no valeiro que deixou. Foi todo moi rápido, moito máis do que suxire esta exposición. E ó final, só quedou a poeira e o fume.

Zuckerfabrik_0002

FC Sankt Pauli, os Piratas do Porto

Hai ideas que che acaen ben, que queres levalas a cabo, e que con desgusto descubres que xa están feitas. Isto explicareino ó final.st pauli

Eu levo tempo querendo falar do FC Sankt Pauli, un modesto clube de fútbol alemán da segunda división. Non é o primeiro de Hamburgo (éo o  poderoso Hamburger SV), estivo poucas veces na primeira división ou Bundesliga, as súas vitrinas están valeiras de títulos importantes. Mais é o clube máis especial de Alemaña.

St. Pauli tamén é un sitio moi especial. É un distrito que medrou illado do centro urbán burgués, á beira do crecemento dun dos portos máis grandes de Europa. Mistúranse a delincuencia, a marxinación e a prostitución coa contraculturalidade, a bohemia e o cosmopolitismo e a tolerancia. Non hei deixar Xermania sen visitar Sankt Pauli. Por motivos que non veñen ó caso, tiven que rexeitar un convite a Hamburgo, con visita a un partido incluído. Outra vez será.

O seu clube de fútbol converteuse nas dúas últimas décadas nun clube de culto. A súa hinchada identifícase coas esquerdas, o antifascismo (incluídos enfrontamentos con hinchadas neofascistas coma o do Hansa Rostock), o feminismo e o ecoloxismo. Músicos e artistas decláranse seareiros do St. Pauli e amosan fachendosos a súa enseña: unha bandeira pirata. Están implicados en accións sociais en prol da súa comunidade e co terceiro mundo. Alguén dá máis? Si: cando o equipo salta ó campo atrona unha canción de AC/DC. O seu curriño Millerntor Stadion conta cun marcador non electrónico, o cal hai que actualizar manualmente e os seus seareiros non admiten que se instale un dixital. A mediados dos 80 sentaban un milleiro de persoas nas súas bancadas, hoxe superan os 20.000 de media de asistencia, varios millóns de simpatizantes declarados por todo o país e fóra del e 200 clubes de fans. Todo á marxe dos seus escasos méritos deportivos e dificultades económicas, aínda que os Piratas van terceiros na segunda división e ameazan con desembarcar o ano que vén na Bundesliga.

De feito, nada hai máis punk que estragar unha posta de longo. Esta tempada o Alemannia Aachen estreaba o seu flamante e carísimo novo estadio en Aquisgrán. Na estrea na 2ª división recibiron a visita dos macarras de camisolas marróns… nos anuarios do Alemannia constará que na estrea oficial do seu estadio Tivoli no 2009 pasou un ciclón con bandeira corsaria e lles espetou un 0-5. Sen piedade.

Se non acadan o ascenso, tanto ten. Por iso nos gusta o fútbol e o St. Pauli, porque non nos gustan os vellos millonarios nin os novos, gústannos os Piratas do peirao.

St Pauli bancadas

A frase que introduce esta postaxe vén a conto a que esta anotación sobre o Sankt Pauli non vai superar, nin vai tentalo sequera, á do magnífico Diarios de Fútbol, de onde tirei moita da información de aquí, xunto coa Santa Güiquipedia. Se vos interesa o tema, recoméndovos a visita do primeiro.

Anotación adicada a Mario, que hai mooooito tempo que ma suxeriu.

Volver sen marchar

Vale. Hai xa tempo que non blogueo. De todos xeitos acabo de mirar a data da última publicación e non é para tanto.

Nese entanto a miña vida deu unhas cantas voltas de campá, e debeu de ser un número par de voltas, porque estou de pé no mesmo sitio de antes. Mais o corpo está magoado e a mente atordada e a dor dime que estou vivo e aínda coas luvas de boxear postas. Supoño que quen me coñece mellor saberá de que falo. No mesmo sitio de antes, mais todo é distinto.

O caso é que levo días pensando nun post xenial para volver á actividade blogomilleira. Acabo de decatarme de que non ten por que ser xenial, tan só ten que ser. Un pasiño renqueante. E logo outro, e logo outro… A modiño, que doe. Mais sen parar.

Así que non volvo, porque non marchei. Ola de novo a todos.

Juli09 014