Bakea

Desexos - Wishes

Así se di “Paz” en éuscaro.

Espero e quero crer que sexa o comezo dunha época de paz e diálogo. Xa levamos moitas decepcións e desenganos, pero non poden tirarnos o dereito a ilusionarnos. Non o permitiremos.

Mañá, no futuro, esgotaranse as excusas e os bascos decidirán ser o que queiran ser, sen imposicións de ningún bando. Queda moito por falar e discutir. Pero iso será mañá.

Hoxe, soñamos. E iremos durmir, por fin, co resabor dunha boa nova. En paz.

Naoko, Naoko

Escaravello - Beetle

O escaravello, animal totémico do autor, segundo el mesmo

Andaba lacazaneando polo Feichbuk cando vin no taboleiro dunha amiga unha ligazón. Premín e atopeime co seu nome, Naoko. Naoko, Naoko… E todo o concepto dese nome, do texto onde estaba inserido, do mundo esquizoide no que vivimos… pero coma sempre, estoume desviando do tema. Todo nace e morre nunha entrevista ao ínclito Fernando Sánchez-Dragó. Si, xa o sei. Mentres especulades coa miña cordura, pasade e lede.

Pois o Dragó, artista vital, icona mediática, hippy de dereitas e amante das contradicións sen pasarse e aboado ás incorreccións políticas de salón que non ofendan a quen lle paga, gústase nas entrevistas, incha o peito e fala e namora da súa propia voz, máis e mellor cando corre a fita da gravadora. E nesta gústase. Nesa ocasión non nos conta aventuras eróticas con menores de idade xaponesas, pero en catro liñas dalle tempo a chamar “prefascistas” ós chamados Indignados, poñer á China como modelo político a seguir (controlcé + controluve: Los chinos han inventado un sistema que funciona: autoritarismo político con libertad económica”). E volve falar do seu estilo de vida baseado na luxuria (sic) e a súa rutina de vello gaiteiro. E isto merece un punto e aparte.

Tengo mi ritual: me como la galleta de marihuana que me prepara Naoko, me tomo 10 mg de Cialis, cojo mi petaca de whisky y salgo a la calle a ver qué me encuentro por ahí.”.

Naoko, Naoko. Seica Naoko é a esposa do escritor e consente e aproba as súas aventuras eróticas e polinarcóticas. Cada casa é un mundo. Planaso, dirán algúns.

Vivimos nun mundo tolo, e a parte máis tola e perigosa chámase política. E a máis deliberadamente confusa. Por exemplo, os que restrinxen liberdades (lingüísticas, sexuais, culturais) chámanse agora liberais. Os que teñen unha ideoloxía reaccionaria din que as ideoloxías morreron. E chaman fascistas ós que reclaman máis democracia. Ou prefascistas, que debe de ser fascistas antes de ser fascistas, iso non o entendín moi ben. E os que recurtan e perverten a democracia dinse demócratas. Aquí xa aturamos os galegos galeguistas que odian ó galego, non só o idioma. E os que falan de tempos difíciles, crise e aforro mentres enchen os petos. E as misións bélicas de paz, curioso oxímoron. Podemos seguir ata o infinito, ou ata o abismo do 20-N.

Xente como Dragó teñen sempre un espazo nos medios reaccionarios para falar da súa petaca, o seu Cialis e os seus donos, os donos dos medios e dos Dragós mesmos, promocionan a súa autobiografía en tres tomos. Poucos me parecen, con tanta lolita, libertinaxe (sic de novo), hippismo de garrafón, budismo capitalista, ego recendente a pachuli e drogas brandas. Non sei de onde saca tempo para escribir. Pero os Pedrojotas non ceden espazos de balde, e os Dragoses teñen que reservar unha porcentaxe do seu esbardalle para certas críticas ó ditado. Que se o 15-M, que se os “progres”… Nada é de balde, Fernandiño.

Penso na Naoko reposteira, a exótica alquimista a facer bolachas recheas de felicidade coa esperanza en compartilas co seu amado. Pero este, unha vez máis, preso do seu personaxe, papa a galleta e despídese co alento a whisky e os corpos cavernosos do amigo de abaixo enchidos de drogas de laboratorio, que a idade non perdoa. E escúsase coa súa compañeira no limiar da porta: Só vou para podelo contar no Cultural do Mundo, manda Pedrojota, meu amor. Eu preferiría quedar na casa, ben o sabes. E Naoko asente e cala. E Naoko queda soa, coa casa arrecendendo a herba feliz, forno e soidade, a cavilar se esa é a vida que quere. Penso en Naoko e ela pensa no tolo mundo de aí fóra. Malia as bolachas, ou por mor delas, estalle a entrar a fame.

Ós amigos da Arxentina (Seica Chove on tour austral)

Arxentina é un país moi meu, por vencellos familiares, culturais e afectivos, aínda que por desgraza non tiven a oportunidade de visitalo. Propóñome solucionar canto antes esta anomalía, e mentres tanto e grazas a unhas afortunadas xestións a miña ópera prima  Seica Chove (e única editada, e pelexando para que non o sexa. A única, digo) xa está dispoñible nalgunhas bibliotecas de Bos Aires (grazas, Cacho, curmán, irmán, unha grande aperta).

1) Centro Gallego de Buenos Aires “Biblioteca Social Manuel Murguía”

Av. Belgrano 2199 -1° piso-, Ciudad A. de Buenos Aires

—————————————————————————————————–

2) CENTRO GALICIA DE BUENOS AIRES Biblioteca  “Rosalía de Castro”

Bartolomé Mitre 2552, Ciudad A. de Buenos Aires

———————————————————————————————

3) Federación de Asociaciones Gallegas de la Rep. Argentina “ Biblioteca Galega de Bos Aires”

Chacabuco 955, Ciudad. Autónoma de B.A.
—————————————————————————————-

4) Biblioteca Julio Cortazar  de Bs. As “Sala de lectura  Rosalía de Castro”

Lavalleja 924, Ciudad A. de Buenos Aires

Aproveito aproveitando: se estades fóra ou dentro de Galicia e vos interesa algún volume para uso público (bibliotecas, asociacións culturais, Centros Galegos e de emigración, etc.) non dubidedes en contactar comigo.

Aquí, a Biblioteca bonaerense que ten o fermoso nome de Julio Cortázar.

Bonus Track: Como mostra da obra completa, Baía Edicións colgou un relato na súa web chamado 22 e que forma parte da escolma. Que o desfrutedes.