O Milagre da Catedral de Colonia

Houbo moitas cidades alemás que quedaron arrasadas polos bombardeos aliados canda a II Guerra Mundial. Un caso paradigmático foi Dresde, unha das cidades máis bonitas do mundo que foi reducida a borralla polas bombas, malia estar a guerra xa decidida e carecer a cidade de valor estratéxico. Outra foi Colonia, que debeu de ser unha fermosa cidade. Aínda que segue a ser interesante, a meirande parte dos monumentos foron restaurados ou novamente construídos pois deles non quedaron máis que cascallos, ou, sinxelamente, perdéronse. Os alemáns volveron a erguer o seu derrotado país como puideron, con máis ou menos fortuna, mais, como é típico deles, con tesón. No polo oposto está a miña Baviera, que ó ter daquela pouco valor estratéxico (era eminentemente rural e moi pouco industrializada) non foi moi afectada polos bombardeos e as expedicións de castigo. Por iso Munich correu mellor sorte ca Dresde.

Volvamos a Colonia. Porque é curioso que o seu principal monumento e atracción, a súa impresionante catedral gótica, foi respetada polas bombas. Os coloneses falan disto coma un milagre, esta foto dío todo: a catedral érguese intacta e soberbia sobre unha cidade esnaquizada, un ermo de cascallos.  Non houbo mágoa por pontes, hospitais, igrexas ou edificios civís, mais a catedral tivo sorte. Sorte?

colonia bombardeada(Se pinchades na foto saberedes a fonte desta e máis información sobre aquel Maio do 45 en Colonia)

Fálase de casualidade, de azar ou de milagre de Deus, asumindo que a este curioso ser non lle importasen do mesmo xeito as outras igrexas da cidade. A prosaica realidade puido ser que, nun tempo no que a aviación non tiña GPS nin visión nocturna, as altas torres da catedral eran unha fantástica referencia para os pilotos. Pode ser irónicamente macabro que a catedral “axudase” na aniquilación da cidade e de tantas vidas humanas. Noxo de guerras.

Hoxe a Catedral, a Kölner Dom, é posiblemente o edificio destas características máis importante de Alemaña, unha visita obrigada e Patrimonio da Humanidade da UNESCO. Estarei un par de días da vindeira semana por esta cidade da beira do Rin, xa vos contarei.

Á manifa!

queremosgalego_manifestacion18102009_cartaz

Hoxe, agora mesmo, hai unha manifestación para defender algo que non debería de precisar ser defendido. Pero precisa.

Porque a situación da nosa lingua está tan mal que para que desapareza só é preciso deixala morrer, non facer nada. Mais algúns, e empezo polo Goberno da Xunta do Señor Fríjol, parecen ter présa e queren acelerar o proceso do único xeito que saben: vitimismo, mentiras, manipulación e hipocrisía.

Mais seguimos estando aquí. E cando os manifestantes recollan as súas faixas e cartaces a manifestación non rematará.  Seguiremos falando e escribindo en galego, aínda que algúns non entendan por que, aínda que iso non encaixe coa súa cativeira comprensión do que os arrodea.

Non estarei na manifa porque me queda moi moi lonxe, mais vai desde aquí o meu apoio e solidariedade. Queremos galego. Queremos o galego.

Pinchade no folleto de abaixo para saber máis (a non ser que teñades vista de moucho).

queremosgalego_manifestacion18102009_folleto

Por certo, que outra manifa moi distinta que houbo onte en Madrí lembroume a certa versión de Duncan Dhu.

http://www.goear.com/files/external.swf?file=841b659

Sardeña (e III): Currunchos dunha illa

A nosa sé estaba en Capo Testa, no extremo nororiental da illa. Unha ribeira de caprichosos penedos e arnelas pequenas, augas limpas e sol benigno de outono. Supoño que a zona en verán é un fervedoiro turístico, mais nestas datas estaba tranquila, por sorte.
La Maddalena é un arquipélago de pequenas illas adxacente á costa oriental de Sardeña, e así tamén se chama a súa illa maior e a cidade capital desta. É un parque nacional protexido. Longas praias, penedos e cantís, poucas árbores e moito mato baixo, a “Macchia”.

http://widget-b2.slide.com/widgets/slideticker.swf

O interior da illa é ben distinto: húmido, verde, fragas de aciñeiras…
e cidades fermosas e tranquilas afastadas do balbordo turístico como Tempio Pausania, Tempiu en lingua sarda.

Sardegna 172 Tempio Pausania

Esta é dunha Tumba de Xigantes en Li Lolghi. Son restos megalíticos contemporáneos dos nosos dolmes.

Sardegna 182 Tomba di Giganti

Se en Galicia hai un resto arqueolóxico enxebre, son os castros. E en Sardeña os equivalentes son os Nuraghe, asentamentos prerromanos cunha torre cilíndrica de vixilancia.
Quen non coñece ben os sardos dixo que os Nuraghe formaban unha cadea defensiva na illa contra os invasores. A realidade é que os clans e tribos sardas estaban ocupados de máis en guerrear entre eles. Para iso eran estas atalaias, como esta do Nuraghe Majori.

Sardegna 154 Nuraghe Majore (6)

A lacra do turismo: a porcallada. Este lixo non foi botado alí, nunha cala perdida da illa Maddalena, senón que o trouxo o mar doutro lado. Bonita? Pois non.

Sardegna 068 La Maddalena (17)

Baños no Mediterráneo: augas tranquilas e cristalinas, temperatura ideal… e medusas! Así me deixou unha nun pulso. Doe (máis ca dor, é queimón) e incha, mais pasa á media hora. Sobrevivimos.

Sardegna 068 La Maddalena (31)

Sardeña (II): o sardo

Sardegna 172 Tempio Pausania (8)A bandeira sarda, coas catro cabezas de mouros cativos, herdanza da coroa aragonesa.

Si faveddat su sardu“, fálase sardo, rezan os cartaces nalgúns negocios da Sardeña. Porque a illa ten unha lingua de seu, un tesouro, posiblemente a lingua viva máis achegada ó latín.  Vese no seu vocabulario, como occanu (“este ano”, “hoc annu” en latín) a conserva do son /k/ forte do latín “c”, como en dikere (dicir, dicere en italiano, coido, que soa algo así como “dichere”), e “Bos días” dise Bona die, en oposición a Bon giorno, o queixo é casu e non formaggio, etc.

Como sempre que dúas linguas conviven no mesmo territorio, digan o que digan algúns, prodúcese unha situación de diglosia e de superioridade social dunha lingua (a estatal, o italiano) sobre a outra (a enxebre, o sardo).

Dende os setenta prodúcese un movemento de reivindicación da identidade sarda que tenta poñer o idioma da illa no seu lugar. Hoxe é cooficial co italiano, ainda que polo que vin (letreiros oficiais, toponimia) o galego non ten moito que envexar da situación do sardo, xa que todo aparece na lingua de Roma (a Roma de agora, quero dicir). Eu, co meu oído de madeira, pouco sardo oín, aínda que non sei se son quen de enxergalo do italiano.

Sobre a situación social do sardo, parecen retrincos dunha película que xa vimos. Malia a súa cooficialidade e ser unha lingua dominada pola meirande parte da poboación, sa limba sarda está ameazada pola desaparición. Quedou relegada a un eido coloquial e fóra de instancias oficiais, os vellos falantes morren e as novas xeracións exprésanse en italiano.

Para a súa normativización, paso imprescindible para a súa normalización, atopáronse moitas dificultades para a elaboración dunha lingua sarda común e estándar, pola grande dialectalización e variedades lingüísticas nun territorio tan pequeno. Outra dificultade é que hai sitios en Sardeña onde nunca se falou sardo, senón linguas e dialectos de antiguos colonos e invasores, como o piamontés, xenovés ou mesmo o catalán de Alghero, do que xa falara.

A literatura sarda é eminentemente oral. A Premio Nóbel de Literatura da Sardeña, Grazia Deledda, escribía en italiano, mais iniciou unha tarefa de escolma de contos e cantigas en sardo. O seu traballo non provocou máis ca indiferencia, e abandonou o proxecto. Hoxendía están aparecendo novos escritores en sardo e novas iniciativas de investigación para poñer o sardo “por escrito”, coñecelo mellor e aprender a crear con el.

Ligazóns para a quen lle interese:

Agardo que se revirta a situación e os sardos non perdan o seu tesouro.

A alemá Herta Müller, Premio Nóbel de Literatura

O noso peloteirismo non vai chegar a tanto como para felicitar a Obama polo seu Premio Nóbel, en recoñecemento ó detallaso de non ter iniciado polo de agora ningunha guerra mundial. Mais, indo isto sobre literatura e sobre peripecias en Alemaña, hai que felicitar á nova Premio Nóbel de Literatura, a alemá Herta Müller.

Herta_Müller_2007(Foto da Wikipedia)

Pódeseme acusar de oportunista e de indocumentado mais non de pedante, porque o admito: non, ata onte non sabía nada desta señora. O meu consolo é que moitos dos meus amigos alemáns, xente moi lida, tampouco a coñecen, de feito non era das favoritas ó premio. Cabe engadir que ten obra publicada ó galego (Brétemas).

Se me parece interesante a obra de Müller é porque está centrada nas súas vivencias persoais como cidadá de minoría alemá noutro país, neste caso Romanía. Un caso pouco coñecido por nós (e teño en mente á familia dunha amiga miña) é o das minorías de fala e cultura alemás fóra das fronteiras do Estado Alemán, en países como Polonia, Hungría ou a mesma Romanía, como xa retratara ben outro Nóbel alemán, Günter Grass, da súa querida Danzig, cidade de grande presenza alemá que hoxe pertence a Polonia e leva o nome de Gdansk. Ou o propio Kafka, falante e escritor en alemán no que hoxe sería a República Checa.

Estas minorías conviviron en paz durante xeracións durante a convulsa historia da Centroeuropa de fronteiras mutantes dos séculos XIX e XX. A II Guerra Mundial mudouno todo e estas xentes, encadradas agora nos países satélites da URSS, foron perseguidas por mor das atrocidades de Hitler, fosen simpatizantes destes ou non. Moitas víronse obrigadas a abandoar as súas terras (onde naceran eles e os seus devanceiros, por moito que non quedaran encadradas en ningunha das dúas novas Alemañas derrotadas e divididas). Un exemplo foi a propia Herta, que abandonou á súa Romanía por Alemaña, cansa da Securitate de Ceacescu.

No corazón de Europa e estudando un pouco a Historia un comprende que a pertenza a unha nación e a un pobo e cultura non ten moito que ver coa a adscrición a un Estado, unha bandeira e un documento de identidade, sempre cambiantes e non tan inmutables como pensamos. Como dixo a propia escritora, son escritora alemá porque escribo en alemán. Neste caso, a patria é a lingua.

ACLARACIÓN: Frau Müller é romanesa, así se sente porque neste país naceu e se criou. Mais sinto que non dixen mentira no título: é unha escritora alemá porque escribe en lingua alemá e a súa obra pertence á literatura alemá e non á romanesa, e en segundo lugar Müller tamén é alemá, reside en Alemaña e ten tamén nacionalidade xermana.

Eleccións en Alemaña

Como xa saberiades, houbo eleccións ó Parlamento (Bundestag) en Alemaña hai dous domingos, que é quen elixe ó Canceler, o equivalente ó noso Presidente do Goberno Central.

O Bundestag elixiu de novo a Ánxela Merkel, mais haberá cambios significativos na composición cámara e na coalición de Goberno. Se ben nas penúltimas Eleccións saíu elixido un Bundestag atomizado que fixo posible e precisa a “Grande Coalición” dos grandes e medianos partidos, de dereitas e esquerdas, na procura da gobernabilidade (algo impensable en España despois de todo, imaxínense a Zapatero e Rajoy gobernando xuntos e da man), desta volta os conservadores quedaron sós.

Confirmouse a tendencia das últimas eleccións rexionais e o descenso dos grandes partidos (lixeiro no caso dos conservadores de Merkel, a CDU, que van da man da súa filial bávara CSU, e piñazo considerable dos socialistas da SPD) e ascenso dos partidos medianos: a esquerda ex-comunista dos Linke, con grande arraigo en Alemaña do Leste, os Verdes (Grüne) e os liberais da FDP (os amarelos), para todos os grandes trunfadores desta contenda. Así e todo, Merkel só precisa dos apoios do FDP para gobernar e o resto quedan fóra da nova coalición. Polo menos, e a diferencia de moitos países centroeuropeos, a extrema dereita seguirá sen espazo no Parlamento. (Gráfico do Süddeutsche Zeitung)

Os liberais propugnan unha ideoloxía conservadora, mais que tende a reducir a hiperregulación lexislativa. Menos leis, menos normas, menos impostos. Claro está (iso non o din): menos gasto social, menos solidariedade, máis ricos os máis ricos, máis pobres os máis pobres, ecoloxismo cero e a seguir co capitalismo especulativo e salvaxe que foi o causante da Crise (con maiúsculas), e non o gasto social. En fin, o seu programa é moi bonito por fóra e valeiro por dentro. O seu acerto foi captar o descontento do pequeno burgués e pequeno e mediano empresario, en dificultades coa crise e que viu como o Goberno de Merkel os deixou de lado e axudou pola contra á grande empresa (caso Opel, automoción, axudas á Banca).

O bo do liberal Guido Westerwelle rañou varios ministerios para o seu partido e o Ministerio de Exteriores para el mesmo. Xa protagonizou a súa primeira polémica, ó negarse a responder en inglés a un xornalista da BBC aducindo que esa conferencia estaba sendo en Alemaña. Foi moi criticado por esta presunta falta de diplomacia por, por exemplo, os Verdes. A min non me pareceu para tanto, o nacho foi bastante educado, ainda que se cadra, sendo Ministro de Exteriores, debería ter máis man esquerda. Non sei que opinaredes, adxunto o vídeo con subtítulos en inglés. Nós temos o mesmo barullo provinciano cando alguén é preguntado en castelán e contesta en galego ou noutra lingua oficial do Estado distinta do español. Mais ese é outro tema. Moi arroutado iso de “Isto é Alemaña” (Es ist Deutschland hier, 1:39).

As malas linguas din que é porque o home non se manexa moi ben en inglés e evítao en canto pode, práctica curiosa nun Ministro de Exteriores. O que se ve é que o dominio do idioma de Shakespeare é mellorable, tendo en conta o grande nivel en xeral dos alemáns (dou fe) e da posición de Westerwelle, mais todos lembramos a Ánsar en inglés texano ou a Zapatero esnaquizando o francés (este, de inglés, cero), así que mira, tampouco é tan horrible. Todos sabemos que en España o inglés non é imprescindible para trincar na política nin nos negocios (if yu ar jiar tunait is bicos yuar a güiner). Volvendo a Xermania, bastante peor vai ser mandar a un “tabeirón” cobizoso destes a representar a Alemaña polo mundo, eu temo o peor.

Sardeña (I): L’Alguer

Sardegna 205 Alghero

Sardeña é unha illa e é un universo, cheo de recantos fermosos. Un dos que máis me chamou a atención foi a fermosa cidade de Alghero, na costa de Levante. Porque á parte de ter moitísimo encanto, aló fálase catalán, e é idioma cooficial co italiano. A causa está na súa fundación por colonos cataláns da Coroa de Aragón. Así que mellor que Alghero deberiamos de dicir o topónimo catalán, L’Alguer. Mesmo o equipo de fútbol viste coas cores da Senyera.
A historia da illa é unha historia de invasións e de linguas. Logo falaremos do sardo.