E hoxe vai de reloxos

Poño esta pequena anécdota para que se entenda un pouco o carácter deste país, que ás veces é unha avantaxe, ás veces unha desavantaxe, ás veces as dúas cousas á vez.

O meu reloxo de pulso parou. Pensei que a batería se esgotara, cambiáraa un ano atrás. Non é unha alfaia valiosa, pero téñolle moito cariño. Así que un día que estaba nun centro comercial de Regensburg, entrei nunha reloxería.

– Ola, guten Abend. O meu reloxo parou.

– Vaia. E será a batería ou terá unha avaría?

– Non sei, só sei que parou – (e eu que sei, esa pregunta tiña que facela eu, os reloxeiros sodes vós) – Supoño que será a batería.

– Porque se é a batería podemos trocala aquí por unha nova, en media horiña está listo. Pero para unha reparación temos que mandar o reloxo ó noso obradoiro na cidade, tardará un día ou dous.

– Ah. Pois mudamos a batería, logo, e miramos a ver se anda.

– Pois pásese en media horiña por aquí. Serán 14’95 – (carallo!) -.

Aceptei. Pero logo ocorréuseme outra cousa, un detalle.

– Outra cousiña. A esfera do reloxo é, en teoría, resistente á auga. Non adoito mollalo porque a pulseira é de coiro, pero aínda así, garanten vostedes que vai seguir resistindo á auga?

– Teríamos que facerlle unha Proba de Resistencia Acuática (Wasserdichtprobe), pero iso serían 9’90 eypos a maiores. Así poderiamos garantir que segue a ser resistente á auga.

– (Estrañado) E en que consiste esa Proba de Resistencia Acuática?

– Pois logo de trocar a batería, saloucamos auga por riba do reloxo.

– (¡¡!!??¿¿?) Pero, pero… se non queda hermético, a auga entrará no mecanismo e escangallaranme o reloxo!

– Daquela si que o mandariamos ó noso obradoiro na cidade -rematou, con toda a súa lóxica bávaroxermana.

(Estupefacción. Pagaría case dez euros para que me escarallen o reloxo)

– Mellor deixalo así. Cambiamos a batería e punto. Procurarei non mollalo.

E así o fixemos. E para que vos decatedes tamén de quen escribe isto, ese día ducheime co reloxo posto, xuro que sen decatarme. Aguantou. Fixen sen querer a Wasserdichtprobe eu mesmo, aforrando 9’90 Euros. Pero non o tentedes na casa.

Gústame a poética dos reloxos. Aquí tedes un que filmei no laboratorio (perdoade o tremor convulsivo- nervioso). É un deses reloxos que se autoaxustan a hora polo GMT. Pero neste caso, toleou un chisco. A agulla que corre como unha posesa é o minuteiro, e o vídeo non está acelerado nin trucado. O tempo foxe.

Hoxe vai de gatos

Os gatos son seres peculiares. Eu sempre os respetei moito. No sentido de respetar, de igual a igual. A un can quéreselle, pero non se pode respetar. Un can é un escravo, un gato é un compañeiro de piso. Agarimoso e simpático ou túzaro e antipático. Non teñen utilidade ningunha para o ser humano, e porén, son das nosas mascotas favoritas. O de mascotas dicímolo nós, eles non son desa opinión.

Gatos na porta

Hai un tempo fun sentar á beira do río Regen, a carón da miña casa. Haiche un paseo bonito, corría a brisa, daba a raxeira… Nisto apareceu un gatiño, achegouse, uliscoume, miroume, deixouse aloumiñar, botóuseme ó colo. Así, sen máis confianzas. Aí quedou. Mirei arredor e non vin a ninguén. Fixeime no seu colar (iso xa indicaba que tiña dono, á parte de que parecía san, limpo e ben coidado) e tiña un broche que se abría, aí vin un número de teléfono, sen máis explicacións. Pensei que estaba perdido, porque é sabido que unha das avantaxes dos cans sobre os felinos é a súa orientación. Chamei co móbil, para quedar tranquilo. Saíume unha muller que, tras abraiarse pola chamada dun descoñecido, tranquilizoume. O micho sempre saía dar unha volta polo seu pé (ou patas) e volvía só para casa sen problemas.

Aínda quedou un anaco, e saqueille esta foto co móbil. Mirade como mira, o presumido. Logo dun anaco aburriuse de min e marchou continuar o seu paseo, provisto dos mimiños dun descoñecido. Tamén hai xente así.

Lembroume a outro gato. Recén mudado ó apartamento onde aínda vivo hoxe, entrara outro gato. Vivo nun baixo, a ras da rúa e entrou pola porta da terraza. O micho non me fixo nin caso e deu unha voltiña polo apartamento, moi atento a todo. Viña de mudarme e non había nada, só caixas. Completada a inspección, marchou por onde veu. Aínda volveu entrar, moito tempo despóis, acontecendo máis ou menos o mesmo.

Hai unhas semanas unha amiga, con moita desesperación e pouco siso, confioume o coidado dos seus michiños unha fin de semana. Eu, do único ser vivo que me ocupei son as miñas dúas prantas, e non parecen moi felices. Porén, foi todo un éxito, alimenteinos, faleilles galego e entendíanme (polo menos estaban atentos) e ningún caeu enfermo nin escapou, como xa me pasara con outros. Igual si que vallo para isto, pensei… Outro punto a favor dos gatos: non hai que pasealos e fan as súas porcalladas no seu sitio, no caixón de area. E son limpos, non lles gusta andar a feder. Como a xente. Como algunha xente.

Pero deixareime estar, seguirei sen ter na casa a ninguén do reino animal. Respétoos de máis. Prefiro que vivan con quen queiran e que me veñan visitar, se lles peta.

A primeira foto saqueina no cabo Peñes, en Asturies. A de abaixo, unha banda de gatos preguiceiros ó sol que quentaba na Coruña a semana pasada.

Cats: The Musical

Bonus tracks. Para unha vez que poño algo aquí, bailade un pouco:

http://www.goear.com/files/external.swf?file=019ae28