Tennessee

Tennessee Eisenberg era un dos moitos estudantes da Universidade de Regensburg. Tiña 24 anos e vivía non moi lonxe de onde vivo eu agora, á outra beira do río Regen. Hoxe Tennessee xa non está. Había stencils co seu rostro por algunhas paredes da cidade, pero borráronos, como quixeran borrar a vida de Tennessee e a súa incómoda lembranza. E unha pregunta, se todo isto era necesario, se a traxedia era precisa.

Segundo a Policía houbo unha grande liorta nesa vivenda. Tennessee ameazou cun coitelo de cociña ó seu compañeiro de piso, pouco se sabe dos detalles, e este chamou á Policía. Os axentes, sempre segundo a súa versión, tentaron reducir ó estudante con porras e un esprai de pementa, sen éxito. E abriron fogo. Disparáronlle.

Tennessee tiña un coitelo na man e estaba fóra de si, pero ningunha arma de fogo. Nese intre non había outra persoa baixo a súa ameaza non sendo os propios axentes. Os dous policías dispararon dezaséis veces. Doce das balas atoparon o corpo do rapaz e causáronlle a morte. Doce balas. Un rapaz só cun coitelo. Preguntas e dúbidas, consternación e horror.

Logo, a mascarada oficial e a loita da familia para esclarexar o acontecido. Unha familia nun longo proceso contra a Administración, xuíz e parte. Unha investigación defectuosa, peritaxes contraditorias. Ano e medio dun proceso caro, gravoso para os achegados do mozo e inútil. A recente sentencia non deixa culpables, nin aclara dúbidas, nin responde preguntas, só bota terra por riba.

Orde non significa Xustiza. Nin tampouco Seguridade. Porque cun estudante acribillado a balazos e os que o causaron facendo roldas de uniforme e con armas de fogo ó cinto, eu non me sinto máis seguro. Si indignado, e triste.

Doce balas.

Era necesario todo isto?

Quen nos protexe dos nosos protectores?

Doce balas.

Se vos interesa e sabedes alemán, na páxina que dispuxo a familia ó efecto podedes informarvos máis, así como nas ligazóns á prensa que nela se atopan. De alí tomei a imaxe de enriba.

4 comentarios en “Tennessee

  1. É curioso como a brutalidade (e posterior impunidade) das forzas de seguridade é un tema común en toda Europa. Se tes tempo e xeito de conseguilo recoméndoche Croniques del 6 (hai versión castelá: Cronicas del 6) de David Fernández sobre a represión aos movementos socias en Catalunya. É unha perspectiva máis politizada que este caso, pero non deixa de poñer os pelos de punta que cousas coma esas poidan pasar e que nin sequera se saiban fóra de determinados círculos, por non falar da xa citada impunidade.

    Gústame

    • Xa non só no tema da brutalidade e represión policial. En calquera conflito coa Administración, porque eles saltaron as regras que eles mesmos escribiron (e ai de ti como as saltes!), esta ten as de gañar, co aparello xudicial e legal ó seu favor (que tamén é Administración). Como ves, en Alemaña, España ou Kirguizistán. Apunto a recomenda e penso, a pequena escala, pero dabondo para eles, o acoso do Concello ós do Pichel.

      Gústame

  2. Agora comprendo porque en Galiza un caso desas características é considerado un problema sanitario e ten que ir o médico e a ambulancia… 😉

    Gústame

Os comentarios están pechados.