FC Sankt Pauli, os Piratas do Porto

Hai ideas que che acaen ben, que queres levalas a cabo, e que con desgusto descubres que xa están feitas. Isto explicareino ó final.st pauli

Eu levo tempo querendo falar do FC Sankt Pauli, un modesto clube de fútbol alemán da segunda división. Non é o primeiro de Hamburgo (éo o  poderoso Hamburger SV), estivo poucas veces na primeira división ou Bundesliga, as súas vitrinas están valeiras de títulos importantes. Mais é o clube máis especial de Alemaña.

St. Pauli tamén é un sitio moi especial. É un distrito que medrou illado do centro urbán burgués, á beira do crecemento dun dos portos máis grandes de Europa. Mistúranse a delincuencia, a marxinación e a prostitución coa contraculturalidade, a bohemia e o cosmopolitismo e a tolerancia. Non hei deixar Xermania sen visitar Sankt Pauli. Por motivos que non veñen ó caso, tiven que rexeitar un convite a Hamburgo, con visita a un partido incluído. Outra vez será.

O seu clube de fútbol converteuse nas dúas últimas décadas nun clube de culto. A súa hinchada identifícase coas esquerdas, o antifascismo (incluídos enfrontamentos con hinchadas neofascistas coma o do Hansa Rostock), o feminismo e o ecoloxismo. Músicos e artistas decláranse seareiros do St. Pauli e amosan fachendosos a súa enseña: unha bandeira pirata. Están implicados en accións sociais en prol da súa comunidade e co terceiro mundo. Alguén dá máis? Si: cando o equipo salta ó campo atrona unha canción de AC/DC. O seu curriño Millerntor Stadion conta cun marcador non electrónico, o cal hai que actualizar manualmente e os seus seareiros non admiten que se instale un dixital. A mediados dos 80 sentaban un milleiro de persoas nas súas bancadas, hoxe superan os 20.000 de media de asistencia, varios millóns de simpatizantes declarados por todo o país e fóra del e 200 clubes de fans. Todo á marxe dos seus escasos méritos deportivos e dificultades económicas, aínda que os Piratas van terceiros na segunda división e ameazan con desembarcar o ano que vén na Bundesliga.

De feito, nada hai máis punk que estragar unha posta de longo. Esta tempada o Alemannia Aachen estreaba o seu flamante e carísimo novo estadio en Aquisgrán. Na estrea na 2ª división recibiron a visita dos macarras de camisolas marróns… nos anuarios do Alemannia constará que na estrea oficial do seu estadio Tivoli no 2009 pasou un ciclón con bandeira corsaria e lles espetou un 0-5. Sen piedade.

Se non acadan o ascenso, tanto ten. Por iso nos gusta o fútbol e o St. Pauli, porque non nos gustan os vellos millonarios nin os novos, gústannos os Piratas do peirao.

St Pauli bancadas

A frase que introduce esta postaxe vén a conto a que esta anotación sobre o Sankt Pauli non vai superar, nin vai tentalo sequera, á do magnífico Diarios de Fútbol, de onde tirei moita da información de aquí, xunto coa Santa Güiquipedia. Se vos interesa o tema, recoméndovos a visita do primeiro.

Anotación adicada a Mario, que hai mooooito tempo que ma suxeriu.

2 comentarios en “FC Sankt Pauli, os Piratas do Porto

  1. “O espíritu do rock&roll feito equipo de fútbol”, iso din. Chámame bastante a atención como, sendo un clube pequeno, venden merchandising a dar polo saco. É doado ver pola rúa a xente que leva camisolas e suadoiros negros coa calaveira, as tibias e a inscripción debaixo de “ST.Pauli”.

    Gústame

  2. Porque a verdade é que o merchandising é atractivo, é algo moi de moda, non só do típico afeizoado futboleiro. Claro que aquí vense máis camisetas do FC Bayern, é case coma unha cousa nacional bávara, como o Barça na Cataluña. Aburrido.
    E a conexión rockeira está aí, xente coma os Die Ärzte (son unhas lendas aquí), ou de fóra de Xermania coma Turbonegro, Asian Dub Fundation, etc, son fans do St. Pauli.

    Gústame

Os comentarios están pechados.