Marcos Valcárcel na memoria

Hoxe correu a nova de que Marcos Valcárcel nos deixara. Non lle vou adicar longas liñas, xente de boa letra haberá que o coñecían mellor, en vida e obra, para facelo.

Historiador, escritor, mestre, animador cultural, galeguista, militante e mesmo blogueiro, o seu importantísimo traballo está aí. E non só o traballo.

Tiven a boa sorte de coñecelo persoalmente hai anos na súa querida Auria, supoño que antes de que sobrevira esa enfermidade que nolo roubou. Boa sorte ese encontro, mala non telo coñecido máis e mellor. Que ben que nos deixara a súa obra, a súa agradábel lembranza, pero o que non me estraña nadiña é que deixara tantos e tantos amigos. Por algo sería. Descanse en paz.

As uvas de Marcos


Recupero esta foto tirada por Xulio de Rabal do 2006 de cando coñecín personalmente, por fin, a Marcos Valcárcel co gallo da V Edición do Premio Microrrelato Carlos Casares. De esquerda a dereita, lucen Don Marcos Valcárcel, Xesús Manuel Marcos, este que aquí asina e Marcos Candeira. E vén sempre a conto porque Valcárcel é das persoas das que un pode fachendearse de ter coñecido, ainda que no meu caso fose, mágoa, un encontro fugaz. Ogallá poidamos repetilo.
Hoxe Marcos recibe unha merecida homenaxe en Ourense, a súa benamada Auria. Podo dicir que é un grande pulsador da cultura galega, historiador, docente, articulista e perpetrador do blog-foro As Uvas na Solaina e que é ademáis ben riquiño, mais iso a meirande parte de vós xa o sabedes. Só quero mandarlle unha aperta dende aquí e lembrarlle que tódolos os que o van arrodear hoxe son xente que o admira, respeta e lle quere ben, mais que non están todos: non caberían no garito.
Que nunca nos falten as uvas. Unha aperta, Marcos.

Carlos Casares City

Descubro abraiado que Carlos Casares é, brincadelas da toponimia e da antroponimia, unha cidade de Arxentina. E imaxino, porque imaxinar, xogar, meu Carlos, era para ti a literatura, ou o que é o mesmo, a vida (non coma outros escritores posmodernos, anticuados antes de emporcallar as súas follas con parvadas), tal e como cando dicías que xogabas con trens eléctricos e condenabas o desterro dos xogos da vida adulta. Imaxino, dicía, Carlos, que xa es unha cidade, un lugar, por que non, un parque nesa cidade, onde pasea un ourensán contando historias ós amigos que as queiran escoitar, e o teu gato Samuel do que falabas nas túas columnas tenta cazar un paxaro, e se el segue o seu instinto de fera cazadora deturpada, ti tamén segue-lo teu, colles a Samuel no colo e o disuades da súa idea, inocentemente asasina.
Non sei se hai Deus, se estás con El e non sei se senta nun sillón azul, pero sei que hai cinco anos que xa non sabemos nada de Samuel, cinco anos desde que nos deixaches. Pero existes, es un lugar que visitar, unha cidade de letras impresas, Ilustrísimos bispos e Ventos Feridos, de mil personaxes, de humanidade, un lugar vivo coma poucos.

(Súmome así, modestamente, á iniciativa de Marcos Valcárcel co gallo do quinto aniversario da morte do noso grande Carlos Casares).

Premios en Auria

Fin de semana de emocións para min en Ourense. O venres entregouse o V Premio Carlos Casares de Microrrelato no Liceo de Ourense, os detalles os conta Marcos Valcárcel, membro do xuri e primeiro na foto pola esquerda (imaxe cortesía por outra banda de Xulio de Rabal) no seu blog. Vaia por diante o meu agradecemento a toda a organización e ó propio Liceo, que á parte de tratarnos estupendamente alteraron o programa do acto para que eu puidese participar, xa que cheguei moi tarde por culpa do Alsa que me levaba aló, ocupado en visitar a tódolos núcleos de poboación de Asturias, León, Ourense e mesmo Lugo (!!).
O segundo pola esquerda é o gañador do primeiro premio, Xesús Manuel Marcos, narrador xa recoñecido que editou obras coma O brindo de Ouro (premio Merlín) ou Fonte de Esperante. Asina ademais o blog Abellonenia.
O accésit para maiores de vintecinco anos foi para un servidor (terceiro na foto) e o accésit para menores de vintecinco foi para o madrileño Matías Candeira (á dereita), xa que os premios tamén estaban abertos para o castelán. O rapazolo fixo a machada de vir en bus desde Madrid xusto para o acto e volver alá ó seguido de rematar. O primeiro premio a menores de vintecinco deixouse deserto. Recibíranse máis de trescentos traballos.
Ó día seguinte, baixo unha calor abafante e consumindo un pano de papel tras outro (que demo pasa esta primavera? Puta alerxia) e tras revisitar Ourense, recollín o Premio Ourense de Contos para a Mocidade. Remítovos á nova da Voz de Galicia para os detalles, que senón isto faise moi pesado. Foi un acto moi sinxelo na Feira do Libro de Ourense.

Burgas, pombas, Auria, relatos e microrrelatos

Ando emocionado, vai ser certo de Deus aperta pero non afoga, nin sequera ós ateos coma min. Gañei un accésit no Premio Carlos Casares de Microrrelato do Liceo de Ourense (outra vez Auria!), na categoría de Maiores de 25 anos. O meu camiño crúzase de novo felizmente co blogueiro Marcos Valcárcel das Uvas na Solaina, posto que se atopaba no xuri, e o premio leva o nome dun escritor que significaba moito para min e do que moito laiei a súa perda, coma todos. Ainda non sei quen foi o gañador(a), se cadra acado coñecel@ e mesmo colgar o seu conto aquí, co seu permiso.
Ó conto que me distinguiron, Pombas, téñolle agarimo, xa que antes foi pendurado aquí coma post alá por Novembro, así que é un pouco de todos vós. Agora poréivolo outra vez, xa que moitos non o lestes, pero na versión que enviei ó concurso tras un duro exercicio de síntese, xa que a extensión máxima permitida polas bases era de 1500 caracteres e o conto orixinal era bastante máis longo. Así comparades.
O azar fixo que sexa o segundo premio consecutivo que me conceden en Ourense, e quixo tamén que ámbolos dous actos sexan esta fin de semana:
  • O Casares entregarase no Liceo de Ourense (rúa Valentín Lamas Carvajal, 5) o venres 2 ás 8 e cuarto. Eu chegarei tarde, todo o axiña que me permita o ALSA desde Uviéu, transbordo no Bierzo, pero chegarei.
  • O acto do Premio Ourense de Contos para a Mocidade co que vos levo dando a lata estes días será o sábado 3 a partir das 8 da tarde na Feira do Libro de Ourense (rúa do Paseo).

Se algún dos que pululades por Ningures andades por Ourense e lle apetece pasarse, a min encantaríame coñecervos.

Déixovos, a ver se me relaxo un pouco e se me pasa o shock. Gracias a todos.

Contos para a Mocidade (II)

Xa sei que ando un pouco pesado con isto do premio, pero non é cousa que pase tódolos días (nin anos).
Só era para dicirvos que tedes cumprida información nas edicións impresas da Voz e do Faro pero coido que só en cadansúa edición de Ourense.
Pola rede Marcos Valcárcel no seu blog publica a nota de prensa (agradézollo dende aquí) e a Voz unha pequena entrevista a un servidor. Non sei como sairá iso na edición impresa, pero aí dáse a entender que esa foto é miña, pero ese señor non son eu, xúrovolo. Será alguén da organización, supoño.
Conta Valcárcel que este premio foi gañado antes por escritores importantes hoxe coma Xosé Carlos Caneiro, Anxos García Sumay, Afonso Vázquez-Monxardín, Sechu Sende ou Eva Moreda, o que me enche de orgullo e satisfacción (como di Juancar no seu discurso de Nadal), a ver se me dá a mesma sorte.
Por certo, que co gallo do día das letras a Voz estrea unha tradución automática ó galego da súa web, orixinalmente en castelán. Este é un servizo a iniciativa do xornal, porque xa existía a tradución deste e de varios xornais por parte de Dimensiona nun servizo ofertado por Vieiros (máis información neste post pasado). Unha idea daquela retrasada, pero boa.
A devandita entrevista está orixinalmente en galego. Como curiosidade, esta é a súa pavera tradución automática do galego ó galego (“regalego”?).
A entrega do premio farase o 3 de xuño, na próxima Feira do Libro de Ourense. Se hai algún ourensán ou visitante que ande por aí poderemos coñecernos. Xa se concretarán lugar e hora.
Gracias a todos polo voso apoio, antes e despois do premio.