Infrafútbol alemán

Xa tiña ganas eu de ir a un partido do Jahn. Se xa testemuñei da parte VIP do fútbol cos partidos do FC Bayern, agora tócalle ó subfútbol.

O Jahn SSV Regensburg é o equipo local de Ratisbona e malvive na 3. Liga, equivalente á nosa 2ªB, para entendernos un Racing de Ferrol ou un Pontevedra ou Montañeiros. E como moitos dos seus compañeiros de categoría ten que superar dificultades económicas: grandes débedas cos xogadores e fornecedores, chegaron a curtarlles a electricidade, nos tempos de neve piden por voluntarios para darlle á pá porque lles falta personal… pero aguantan, encántame ese romanticismo.

O rival, o VfL Osnabrück, desa cidade do norte de Alemaña. Teño dous compañeiros de alí, así que alá fomos, nas bancadas “visitantes”. Cóntanme que aló hai problemas económicos serios, paro, dificultades… e á xente o que lle queda é o fútbol. E nótase. Viñeron varias ducias de seareiros en bus, 700 quilómetros ata a porta do estadio, 90 minutos de partido e unha media de catro garimbas por cabeza e á saída volta ó bus e á estrada. De tolos. Animaban que daba xenio, as afeizóns do norte (e a xente en xeral) son máis paixonais cás do sur de Alemaña.

O estadio, dada a categoría, é curriño, a meirande parte das bancadas son de pé e tódolos veciños dos edificios de arredor, como podedes observar, poden ver o partido pola moca. Ía un bo día e non se encheu, mais si houbo unha boa entrada, eu calculei un milleiro de asistentes. Esta é a curva do Jahn, os que van de vermello.

Os de morado, os animosos seareiros do Osna, ós que non lles pesou tanta quilometrada (vale, nesta foto os animosos están detrás)

Os de verde non sei a cal equipo animaban, pero tiñan pinta de hooligans moi perigosos.

No futbolístico, foi un partido ben bonito. O Osnabrück vai líder na 3.Liga, adoita ser un equipo “ascensor” entre a 2ª e a 3ª. O Jahn, por mor dos seus furados contables, bastante ten con manter a categoría. Recibiu ó lider no medio dunha mala racha e metido nunha zona perigosa da táboa. Ó principio os violetas amosaron a súa superioridade e con moita pegada puxéronse 0-2 na primeira metade, polo que pintaban bastos. O Jahn púxolle corazón e todo o seu xogo, que é ben pobriño, e anotou un antes do descanso. Na segunda metade o Osnabrück, moi compacto, amosouse moi conservador e os bávaros botáronse cada vez máis para diante. Á final houbo xustiza e castigo para os rácanos e empataron o partido a dez minutos do final, 2-2. Os visitantes pecharon ós locais na súa área no tempo restante, pero non desfixeron o empate. Un punto cada un e todos contentos, sobre todo os da casa, que o chegaran ver moi negro.

NOTA: Rematada a tempada, o VfL Osnabrück ascendeu á 2.Bundesliga. O Jahn fixo un bo remate de campaña e manterase na 3.Bundesliga.