A Casa Vermella (II)

(vén da postaxe anterior)

Como sabedes, comecei a miña andaina en Alemaña na pequena e fermosa cidade de Passau, na baixa Baviera, uns meses antes de trasladarme a Ratisbona. Alí souben algo sobre esa casiña encarnada do barrio de Innstadt, que vedes na foto á beira do Inn.
Pois nesa casa viviu Adolf Hitler. Non hai placa que así o lembre, non figura nas guías turísticas.
En verdade, tan só residiu unha curta tempada sendo moi meniño. Custa imaxinalo, mais o ditador xenocida do bigodiño ridículo tamén foi un neno. O seu pai era un empregado de alfándegas austríaco, que tivo múltiples destinos, entre eles Passau, cidade fronteiriza entre Alemaña e Austria. A familia Hitler viviu antes na Cidade Vella ou Altstadt e logo se mudaron para esa casa de Innstadt, nin a cen metros de onde vive a miña Anniña. O pai foi trasladado logo a Linz e o resto da familia ainda viviu un tempo nesa casa ata que marcharon onda o proxenitor. Adolfiño, ou Adi como lle chamaban os veciños, era un cativo neste periodo de entre uns tres e cinco aniños.
E daquela Adolfiño houbo de morrer afogado. Caeu nun río xeado (segundo uns o inmenso Inn ou Eno, segundo outros un regato chamado Eisbach que non dou localizado) e foi rescatado por outro rapaz. Esta lenda ten moitos visos de ser certa. Que tería pasado se tivese morto?
Hitler ainda voltaría a Passau, devido en líder do proscrito e cada vez máis popular Partido Nazi, e foi celebrado e apoiado por moitos dos passauers.
Anna Elisabeth Rosmus, escritora e historiadora nada en Passau, interesouse pola incidencia do III Reich na pequena cidade, e non só da curta estadía do futuro Führer na antiga Batavia, senón todo o seu desenvolvemento posterior, segundo explica no seu libro “Fóra de Passau: Deixando unha cidade á que Hitler chamou fogar” (Out of Passau. Leaving a city Hitler called home). Tedes un capítulo en pdf en inglés aquí.
Segundo Rosmus, a vida do pequeno Adolfo foi salvada polo fillo dos caseiros dos Hitler, Johann Nepomuk Kühberger, tamén de moi curta idade. De adulto ordearíase sacerdote e chegou ser o Director da Capela da Catedral de Passau durante vintecinco anos. O seu meirande legado foi a construcción do impresionante órgano da catedral, disque o órgano catedralicio máis grande do mundo. Foi distinguido polo Vaticano co tratamento de Monseñor.
Rosmus relata tamén a rocambolesca historia da casa a partir do III Reich, uns trinta anos despóis. A vivenda converteuse nun lugar de peregrinación nazi, visitado por admiradores que viñan ver onde o Führer pasou a súa infancia (estivo aló escasamente un ano). Isto foi aproveitado polos caseiros, os pais do futuro crego Kühberger. Botaron ó matrimonio que vivía alí de alugueiro (ela era xudía para máis inri) e aquilo deviu nunha especie de grotesco museo hitleriano, onde ata cobraban entrada. O feito tamén foi explotado polas autoridades locais, que mercaron o inmoble e mesmo chegaron agasallarllo a Hitler, que non o aceptou.
Trala derrota, os americáns deron en meter na casa, non sei se conscientemente ou non, a sobrevivintes dos campos de concentracións achegados, para a súa recuperación e cura. Disque cando estes sabían do anterior inquilino entraban en histeria. Tan pronto como podían, liscaron de Passau, os máis fóra da derrotada e derruída Alemaña.
Anna E. Rosmus comezou investigar crimes contra os xudeus e as importantes filiacións nazis de moitos persoeiros de Passau. Moito estrume desenterrado para unha cidade tan pequena, e a historiadora, aparte de sufrir múltiples impedimentos no seu labor por parte das autoridades e de particulares, tamén tivo que aturar ameazas e presións. Farta, trasladouse ós Estados Unidos, onde traballa na Universidade de Carolina do Sur. Tedes información sobre a súa obra aquí (en inglés). Todo me lembra ás nosas voltas co acontecido na Guerra Civil. Deberiamos aprender da actitude alemana, mais polo descrito antes, parece que tamén hai puntos oscuros.
En canto ó contiño, ten soamente pretensións literarias e non históricas. Non entro no relatado pola Rosmus, ainda que me gustaría ter máis información. É unha conversa ficticia entre o Monseñor Kühberger, o presunto salvador de Hitler, e un mozo. E unha pregunta, ¿que tería pasado se Hitler tivese morto afogado de pequeno?
E vós que pensades?

5 comentarios en “A Casa Vermella (II)

  1. Vaia historia, pois é unha mágoa que alguén estivese no lugar axeitado no momento oportuno, dende logo a historia non sería a mesma e teríase feito máis poesía (Adorno dixit).

    Gústame

  2. Interessante, não conhecia esta história. Não sei o que teria passado se Hitler tivesse morrido afogado, provavelmente teria havido um Hermann ou um Helmut ou como diz a Ana Bande talvez se tivesse feito mais poesia se o Kühberger estivesse outro local *aquela mesma hora!! Tudo tem um sentido e uma razão na vida…

    Gústame

  3. Boa noite. As nosas nosas desculpas por non ter solicitado permiso antes de colgar o teu relato (moi bo por certo) en http://www.galiza-israel.org

    Se consideras oportuno o eliminamos. Ainda que sinceramente que apareza no noso blog non ten porque significar nada en especial en relación co conflito palestino-israelí.

    Como podes ver temos publicado artigos de infinidade de fontes e autores (sempre no noso idioma).

    Un saúdo e Shalom. Fermosa palabriña que significa ao tempo, Ola, Adeus e tamén Paz.

    Gústame

  4. Desculpas aceptadas. A próxima vez sería máis sinxelo que vencellases a entrada deste blog, cun comentario no que recomendas a súa lectura. E se queres incluílo no corpus do teu blog, diríxete a min por correo electrónico ou por un comentario.
    Non, non considero necesario que o elimines. Quede como coincidencia dos nosos pensamentos, dispares noutras cousas: a condena do horror e o valor da memoria.
    Así que Shalom, Salam aleikum. Paz.

    Gústame

  5. Pingback: De volta en Passau | Neva en ningures

Os comentarios están pechados.