De reis tolos e castelos



De certo que moitos oistes falar de Luis II, o famoso “Rei Tolo” de Baviera, constructor de castelos de ensoño, sendo o máis famoso o de Neuschwanstein, moi ó sur, ó pé dos Alpes, do que se vos fixades está inspirado o castelo de Disneylandia. A miña irmá anda por aquí de visita, así que aló me levaron.
En canto á obra en si, desprovéndoa de lendas románticas, pareceume bonita, sobre todo porque está nunha paraxe natural fermosísima, dominando desde un monte vales, lagos, fragas de altas árbores e o castelo real de Hohenschwangau (foto máis abaixo). Pareceume, iso si, máis fermosa por fóra ca por dentro, onde se pode apreciar, polo menos na reducida e carísima visita guiada, a desquiciada fantasía do bo de Ludwig, con repetitivos motivos das óperas de Wagner, como Tristán e Isolda, Parzival, Tannhäuser, etc. E é que se a vida do músico está ligada á do rei, que foi o seu grande protector e mecenas, a do rei está ligada ás obras do Richard, que agardaba con impaciencia e desfrutaba coma ninguén.

Hai que ter en conta tamén a época, co nacemento do Romanticismo, a paixón irracional e a ollada ó pasado idealizado. Logo, a educación de Ludwig, nun mundo de ensoño e afastado dos problemas reais do seu pobo, gurgulla na que continuou a vivir de maior. Así coma a autonegación da súa homosexualidade e a responsabilidade de ser rei nunha época nada doada, cunha corte de lambecús, traidores e mentireiros, coma tódalas cortes. As veces que saía desta gurgulla para intervir na política imperial, afrontou decisións moi impopulares para o seu entorno e gañouse moitos enemigos.
Namentres proseguía a súa grande (e cara) obra, que o ía perpetuar mais que non chegaría ver rematada, xa inhabilitado como monarca por demente, apareceu morto no achegado lago de Stanberg en compaña do seu médico. É probable que fose suicidio, mais tamén que fose “suicidado” polos seus adversarios. Así rematou a existencia do último rei de contos de fadas, que nos chega distorsionada tanto pola campaña de desprestixio contra el antes e despóis da súa morte, coma pola lenda romántica edulcorada de agora, moi rendible turísticamente. Porén, foi un personaxe excepcional no seu tempo, e só pola a súa afición ás artes e á lectura, que queredes, xa me cae ben. Tolemias de gobernantes son outras, como invadir países ou facer guerras. Ainda hoxe.

7 comentarios en “De reis tolos e castelos

  1. Vaia, agora si que é Ludwig II, non si? Coido que aí atrás fixen un comentario trabucándome de ordinal:) Este é un dos sitios que me encantaría visitar, por moi alucinado que sexa como concepto. Ao final, Ludwig realmente edificou o castelo de conto por excelencia.

    Gústame

  2. Este si que é o Ludwig II, posiblemente o rei máis “de conto de fadas”. O seu avó Ludwig I non estaba tolán, mais en cuestión de gustos era tamén bastante friqui, como puideches ver no Walhalla.Coido que hai cousas máis bonitas en Baviera e en Alemaña ca este castelo, mais non deixa de ser fermoso e visitable, sempre coa lenda de fondo.

    Gústame

  3. Seguro que tes razón, de feito estou enganchada ás “bavaridades” en parte polas fotos (sen desmerecer o texto).Vou encher o meu peto-porquiño para ir por esas latitudes. Aínda que as “tatunidades” do Señor de Trasalba tamén me tiran. Ains! Canta Europa e que pouco tempo!

    Gústame

Os comentarios están pechados.