Walhalla

O outro día fomos ó Walhalla. Malia ter planta grega e nome viquingo, trátase dun monumento moi xermánico. Construiuno o rei Ludwig I de Baviera como homenaxe ós grandes persoeiros do mundo teutón (incluindo Austria, Suiza e Holanda), algo así coma un “Panteón dos Alemáns Ilustres”, ainda que aló non hai ninguén soterrado. O que me resulta máis curioso é que non foi erixido nun intre de orgullo e victoria alemáns senón todo o contrario, cando os estados alemáns estaban ocupados polas tropas napoleónicas.


Está situado nunha montaña a uns 10 km de Regensburg, no medio de ningures, e a verdade é que é impresiona dabondo. Inspirado no Partenón grego, ten dentro esculturas de tódolos persoeiros da historia xermánica: Goethe, Schiller, Bismarck, Brahms, Bach… Hitler visitouno de mozo e gustoulle, coido que montou a que montou para figurar tamén no panteón, mais non só non o acadou senón que hoxe no Walhalla acolle personaxes que non lle serían gratos, como Einstein ou Sophie Scholl, a estudante que liderou a Resistencia (Widerstand) contra o nazismo en Munich e vilmente decapitada.



A verdade é que é un monumento bastante friqui e megalómano, opinión compartida polos alemáns de hoxe. Case é máis bonita a excursión que se fai para chegar (hai un camiño para bicicletas) e, dándolle as costas ó monumento, a paisaxe sobre o Danubio.

5 comentarios en “Walhalla

  1. Non sei se viches a peli de Visconti (coido que é del, a ver se estou metendo a zoca) sobre Ludwig e tódala súas excentricidades. A min encantoume por moitos motivos, pero sobre todo porque, aínda que non che cabe dúbida da megalomanía e tolemia do tipo, cáeche ben. A outra razón é o fino sentido do humor de poñer á Schneider facendo de Sissi por enésima, pero nunha película seria.En canto ao monumento, a min lémbrame un pouco ao Valle de los Caídos, pero sen ser chungo, só un pouco hortera. Que opinará o Moucho deste Walhalla?

    Gústame

  2. Non vin a de Visconti (si, é del) “O ocaso dos deuses”, mais a película refírese ó lendario “Rei Tolo”, Ludwig II, que construiu o famoso castelo de Neuschwanstein. O Walhalla foi levantado por Ludwig I, o seu avó (coido). Mais a vida do II é moito máis interesante, polo pouco que lin.

    Gústame

  3. Vaia, trabuqueime de Ludwig!! A verdade é que non estou moi posta en babaridades, eu son mais da cousa grecorromana, se ben Wagner ten o seu punto;)

    Gústame

  4. a min arreguízaseme o couquizo un chisco cando vexo este tipo de monumentos… prefiro unha ermida perdida nun monte que tanta grandiosidade e pulcritude de anuncio de porcelanosaque vaia ben por esas terras…

    Gústame

Os comentarios están pechados.