Carlos Casares City

Descubro abraiado que Carlos Casares é, brincadelas da toponimia e da antroponimia, unha cidade de Arxentina. E imaxino, porque imaxinar, xogar, meu Carlos, era para ti a literatura, ou o que é o mesmo, a vida (non coma outros escritores posmodernos, anticuados antes de emporcallar as súas follas con parvadas), tal e como cando dicías que xogabas con trens eléctricos e condenabas o desterro dos xogos da vida adulta. Imaxino, dicía, Carlos, que xa es unha cidade, un lugar, por que non, un parque nesa cidade, onde pasea un ourensán contando historias ós amigos que as queiran escoitar, e o teu gato Samuel do que falabas nas túas columnas tenta cazar un paxaro, e se el segue o seu instinto de fera cazadora deturpada, ti tamén segue-lo teu, colles a Samuel no colo e o disuades da súa idea, inocentemente asasina.
Non sei se hai Deus, se estás con El e non sei se senta nun sillón azul, pero sei que hai cinco anos que xa non sabemos nada de Samuel, cinco anos desde que nos deixaches. Pero existes, es un lugar que visitar, unha cidade de letras impresas, Ilustrísimos bispos e Ventos Feridos, de mil personaxes, de humanidade, un lugar vivo coma poucos.

(Súmome así, modestamente, á iniciativa de Marcos Valcárcel co gallo do quinto aniversario da morte do noso grande Carlos Casares).

5 comentarios en “Carlos Casares City

  1. Semella que non te enteraches de que Samuel morreu, fará no verán dous anos. O fillo de Carlos Casares contouno en La Voz de Galicia cando aconteceu, nun precioso artigo do que seguro o seu pai estaría orgulloso.

    Gústame

  2. O “tolo” de Samuel morreu, si. E por certo, Carlos facía moitas bromas sobre esa cidade chamada coma el. Tamén existe unha rúa en Bós Aires….

    Gústame

  3. existe certamente ese pobo, ainda que coido que ningun pobo que leve ese nome estará á altura do autor galego. Apertas! fermoso post e eses fíos invisibles que xa sabemos…

    Gústame

Os comentarios están pechados.